A cidade de auga doce

(Publicado orixinalmente en Vivir na Coruña, o 17 de agosto de 2014)


A Fonte dos Frailes en Visma (foto: EVF)

Coinciden Manolo Rivas e Xurxo Souto en pintar á Coruña como unha cidade-barco, unha lancha de pedra asomada ao mar na que, como di Xurxo, os coruñeses vivimos ás veces máis como terrícolas que como mariñeiros.
É irónico que, con tanta auga ao redor (incluíndo a que nos vén de arriba), A Coruña teña sido, noutras épocas, unha cidade con problemas para conseguir auga... para beber. Auga doce. Mais é que, se vos fixades, non temos moito río na cidade. O máis cercano é o Monelos (hoxe, e con todos os respectos aos nativos do seu barrio homónimo, unha sorte de río-topo, do que sabemos que está cando o exceso de choiva fai agromar a auga cara fóra das canalizacións). Fóra deste río, ou regato, e dalgún pequeno manantial, como a Fonte Seoane, da que hoxe aínda fica o nome máis que a súa auga en Monte Alto, non había -nin hai- no concello ríos cun caudal importante como para abastecer á poboación.
Así que desde sempre, conseguir auga para dar de beber á cidade foi un asunto delicado. Xa no século XVI, os nosos avós construíron unha traída desde os manantiais de Nelle e Vioño, de escasa capacidade e que chegaba a dúas fontes: a que había na Porta Real, chamada Fonte da Fama (de ahí o nome da Rúa da Fama que aínda podedes atopar ahí), e a de San Andrés, que segue a existir hoxe malia que o seu deseño é de finais do século XVIII.
Con estas dúas fontes e a mala calidade da condución, difícilmente se podía abastecer á toda a poboación. No 1721, o Intendente Rodríguez Caballero indicáballe á Corporación municipal que se a auga faltaba “en medio de un invierno de tan continuas lluvias” máis problema habería no verán “quanto ahora se ve continuamente que para tomar un cántaro de agua […] suelen esperar media ora y tres quartos”. O temor a unha revolta acuática non era un asunto menor.

Acueducto no Paseo das Pontes (foto: EVF)

De xeito que en 1722 comezouse, co proxecto do enxeñeiro Francisco Montaigú e a dirección de obras de Fray Francisco de Velasco e Fernando de Casas (si, o mesmo que fixo a Fachada do Obradoiro), a construción dunha nova condución que trouxera a auga desde San Pedro de Visma, sumándolle o caudal que xa viña de Vioño, xunto con dúas novas fontes, na praza da Fariña (actual Azcárraga) e en Santa Catalina. Esta construción, a Viaxe de Visma, que se alongará durante varios anos (probablemente ficou rematada hacia 1735), abasteceu á cidade, con máis ou menos problemas, até 1908, en que entrou en servizo a nova traída de augas desde o río Mero, centralizada no depósito de Monte Alto. Posteriormente, seguiríanse ampliando as instalacións que traían a auga desde o Mero, até culminar na construción, entre 1974 e 1976, do embalse de Cecebre, que é o que actualmente nos dá de beber (co permiso da Estrella Galicia).
Das antiguas construcións, abandoadas a partir de 1908, fican importantes fósiles desperdigados por aquí e acolá. Fíxenvos un mapa co santo Google Maps para que vexades onde están:

Trazado hipotético da Viaxe de Visma e restos conservados

En Visma, aínda en terreo rural, consérvase en moi bo estado a arqueta que recollía a auga do manantial, chamada polos veciños da zona “Fonte dos Frailes” ou “Fonte Romana” (non tiñan imaxinación nin nada, os antigos coruños). No mapa está sinalada polo marcador amarelo. Do acueducto que conduía a auga desde Visma até a porta da muralla da Torre de Arriba, na actual Praza de Pontevedra, consérvanse parte do percorrido perto do Observatorio, coincidindo en parte coa rúa Almirante Mourelle, e o fragmento máis coñecido e espectacular, o do Paseo das Pontes, ao que lle dá nome. Alí o acueducto alcanzaba a súa máxima altura, levantándose sobre dous arcos de medio punto e de boa sillería, que permitían o paso de persoas e animais. Os fragmentos conservados aparecen marcados en amarelo e o trazado hipotético dos non conservados, en azul.
Acueducto na zona do Observatorio (foto: EVF)
Posibles restos do acueducto baixo
a rúa Almirante Mourelle (foto: EVF)














O trazado discontinuo en amarelo correspóndese a un muro soterrado baixo a propia rúa Almirante Mourelle, servíndolle de desplome lateral, e que se pode ver desde o Camiño do Pinar. É suposición miña, polo trazado, materiais e situación, que poida ser a parte baixa do acueducto, que ficou semienterrado baixo a propia rúa e como soporte dela, e que sería a continuación do que si se ve sobre a superficie na mesma zona.
E, por último, as fontes. Aínda que se foron renovando cos anos, as tres máis antigas do centro de Coruña (Santa Catalina, San Andrés ou da Fama e a do Desexo en Azcárraga; en Porta Real xa non hai fonte) son as mesmas nas que remataba a Viaxe de Visma. E onde comezaba a dos veciños que ían recoller a auga para as súas casas, agás algúns burgueses acaudalados que puideron dispoñer de auga nas súas propias casas… Pazos, máis ben.

Arqueta de rexistro na zona do Observatorio (foto: EVF)
Fonte da Fama (s. XVIII) (foto: EVF)














Hoxe as fontes son máis un adorno que un servizo. Hoxe as fontes xa non recollen a auga de Visma, senón que lles chega da traída de Cecebre. Mentras, a Estrella, da que tamén bebemos, tráea do manantial de Cabreiroá, e o río Monelos sigue de incógnito baixo as rúas. A nosa cidade-barco xa hai tempo que non ten sede. Cando menos, sede de auga doce.


Referencias:
  • VALEIRO SOLSONA, Carlos: Los orígenes del abastecimiento de agua a la ciudad de A Coruña, in Actas del Segundo Congreso Nacional de Historia de la Construcción, A Coruña, 1998. Online en http://www.sedhc.es/biblioteca/actas/CNHC2_061.pdf [Consultado o 27/07/2014]
  • http://www.emalcsa.es/centenario/centenario.swf [Consultado o 27/07/2014]
  • VIGO TRASANCOS, Alfredo: A Coruña y el Siglo de las Luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808). USC-UDC. Santiago de Compostela, 2007

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Corogne, mon amour

A capela agochada