La Corogne, mon amour

(Publicado orixinalmente en Vivir na Coruña, o 6 de novembro de 2014)


Ney, na praza de Lugo (foto: Eloy Vázquez)

Remataba 2014, e Ney marchou. O can máis famoso da Coruña gardara, durante trece anos, a floraría da praza de Lugo. Só uns días antes de deixarnos, unha amiga da súa dona contábame que Ney, malia que estaba xordiño e con cataratas, non negaba unha boa ración de mimos, e os nenos da rúa aínda tiñan a oportunidade de xogar con el. Tanta era a súa sona e o cariño que lle tiñan os veciños que pouco despois volveu á praza convertido en estatua, uníndose ao selecto clube dos animais recoñecidos cun monumento.
O nome de Ney, posto en lembranza doutro cadelo precedente, é en realidade unha reminiscencia do amor-odio que Galicia, e España en xeral, manteñen desde lonxe co veciño francés. Cando a Napoleón se lle deu por ampliar o seu xardín a base de invadir países europeos, enviou a Galicia, entre outros, a Michel Ney, mariscal do Imperio que non se andaba con demasiados miramentos, deixando tan fondo recordo nos nosos paisanos, que como burla comezaron a chamarlle Ney aos seus cadelos. Costume que chega aínda até hoxe.
A Coruña no Arco do Triunfo de París (Foto: Javier Pedreira)

Napoleón arribara despois dun século de “afrancesamiento” dos reinos das Españas, trala chegada dos Borbóns que, en contraste cos Austrias precedentes, trouxeran maneiras e influencias do país do lado. A entrada de Napoleón causou un episodio de bipolarismo social: o pobo quería botar aos invasores franceses, non precisamente respectuosos co país; pero moitos intelectuais vían na chegada do Emperador o triunfo definitivo das ideas da Revolución Francesa e unha oportunidade de modernizar unha sociedade anquilosada e dominada aínda pola Igrexa, malia as reformas ilustradas de Carlos III (o restaurador da Torre de Hércules), frustradas no reinado do pouco eficiente (por dicilo de xeito suave) Carlos IV.
Sen dar máis voltas: o século XVIII trouxo á península as ideas francesas, e A Coruña, cidade realenga e portuaria, en contacto continuo con xentes doutros lugares, non foi allea á influencia. Algo de culpa tivo o feito de que algúns dos enxeñeiros militares máis importantes do Reino de Galiza nesa época, como Francisco de Montaigú e Juan de la Ferriere, eran do país do Foie. Ao primeiro deles xa volo presentei cando vos contei da Viaxe de Visma, como un dos artífices do acueduto do Paseo das Pontes.
Cóntanos o profesor Alfredo Vigo que a Montaigú lle debemos un interesante proxecto para construír unhas Casas Consistoriais na Coruña. Vendo o actual pazo de María Pita, inaugurado oficialmente en 1927, custa crer que até entón nunca tivera a cidade un edificio digno para o concello. Pero o certo é que esta foi unha teima secular, e nesas estaba o intendente Rodríguez Caballero cando en 1726 encargou a Montaigú o proxecto dun edificio que servira para Almacén de Artillería e Casas Consistoriais, que debía levantarse na praza da Fariña (actual Azcárraga), onde, daquela, un destartalado palacete tardogótico facía as veces de concello.
Vendo o proxecto de Montaigú, que finalmente non se realizou por razóns orzamentarias (a construción do ciclópeo Arsenal de Ferrol non deixaba cartos para moitas festas), queda claro que se trataba dun edificio elegante, sobrio, de certo aire castrense e ao mesmo tempo do goût francés. Tan francés, que se parecía sospeitosamente a certos châteaux, como o de Chäteau Neuf de Meudon ou, sobre todo, o de Boufflers. Déixovos un par de imaxes para que xulguedes vós mesmos.

Château de Boufflers (fonte: Bibliothèque Nationale de France)

Arsenal e Concello para A Coruña, 1726 (Montaigú – Servicio Histórico Militar)


Está claro que Montaigú non pretendía innovar na historia da arquitectura, aínda que, de terse construído, sería un edificio inédito nunha Galiza aínda moi compostelá non seus gustos arquitectónicos.
Mais malia que só ficara no papel, algo do seu deseño si se copiou posteriormente no actual Pazo de Capitanía, tamén na praza da Fariña e construído entre 1748 e 1756 por Juan Vergel e Francisco Llobet. Botándolle un pouco de imaxinación, o Pazo de Capitanía, ademais de pedir “prestadas” ideas ao de Montaigú, ten certo aire cos… Inválidos de París! Ben, si, salvando as moitas distancias e en miniatura. Pero non me digades que os enxeñeiros estaban descubrindo a pólvora co do frontón semicircular:

Pazo dos Inválidos de París (foto: Eloy Vázquez)

Xoguemos ás sete diferencias:

Pazo de Capitanía da Coruña (foto: Eloy Vázquez)

Si, vistes ben. Nunca entenderei por que os canóns dos parisinos non apuntan cara ao propio edificio.
Menos sospeitosos de plaxio, mais igualmente de gusto francés, construíronse na época o pazo de Cornide, fronte á Colexiata e de estilo rococó, a casa de José Frausk, no número 27 rúa Real (patente sobre todo no forxado dos seus balcóns), as mesmas Casas de Paredes, co seu paseo de soportais ao estilo de Bourdeaux e outros portos franceses, e case diría que  o modesto número 23 da rúa dos Olmos, entre outros. Plaxios ou inspiracións á parte, a arquitectura galega de finais do XVIII e do XIX seguiu -con certo atraso, iso si- os influxos europeos, fundamentalmente franceses e italianos.

Balcón en St. André-des-Arts, París (il. C. Daly)

Balcón rococó da Casa Cornide (Foto: Eloy Vázquez)


Anos despois, a influencia da arquitectura francesa cobrou novos pulos entre finais do século XIX e principios do XX. París convertérase entón no centro das vangardas europeas, e a través das revistas de arquitectura (que os arquitectos coruñeses seguían para poder estar en contacto co mundo) chegaron a Galiza o Art Nouveu, o Art Decó, o Racionalismo… Nalgúns casos, a influencia é tan evidente que semella o típico caso do bolseiro ao que chaman ás sete da tarde e lle din “Faime un informe de tres mil páxinas para onte”. E o pobre bolseiro copia como un posuído por Satán todo o que pode.

Xoguemos de novo:

Les Halles de Reims (fonte: http://maite51.over-blog.com)

Mercado de San Agustín da Coruña (foto: Eloy Vázquez)



A ver se adiviñades cal é o mercado de San Agustín, e cal Les Halles de Reims.


Les Halles de Reims (fonte: Wikimedia Commons)

Mercado de San Agustín da Coruña (foto: EVF)

Non me malinterpretedes. Antonio Tenreiro e Santiago Rey Pedreira, os artífices do mercado de San Agustín, foron dous arquitectos excepcionais, dous dos introdutores máis destacados da arquitectura moderna na Coruña, e autores respectivamente (e xa só por iso merecen un lugar na historia da arquitectura coruñesa) do edificio do Banco Pastor, nos Cantóns, e do vello estadio de Riazor, aquel templo grego do deporte onde Luis Suárez oficiara todo os domingos, antes de marchar cara o Barça e o Inter de Milán a ensinarlles como se xogaba na Coruña. O colosal rañaceos dos Cantóns segue impresionando co seu porte de cíclope americano, mais o vello Riazor foi tristemente devorado pola necesidade de ampliar o aforo, e só ficou para o futuro a Torre de Maratón, que a duras penas logra asomarse por enriba dunhas gradas pensadas para tempos futbolisticamente mellores.
Antonio Tenreiro coñeceu persoalmente a Maigrot, un dos arquitectos do Mercado de Reims (ou otro foi Freyssenet), na Exposition Internationale de la Grande Industrie, Sciences et Applications, Art Wallon ancien, celebrada en Lieja en 1930, onde Tenreiro dirixiu as obras de construción do pavillón español, e ao parecer trouxo algunhas ideas do seu colega. É así que, entre 1932 e 1938, Rey Pedreira e Tenreiro levantaron un dos edificios máis audaces, punteiros e innovadores da España da época. A súa cuberta parabólica de tan só 15 cm de grosor é un milagre da arquitectura, e o edificio ten tanto valor (algúns chámanlle o Guggenheim galego), que aparece incluído no catálogo Docomomo (Documentación e Conservación do Movemento Moderno) da Fundación Mies van der Rohe.

Alleo a todo isto, o can galego vestido co nome do mariscal francés olla desde algures cara a súa estatua, mentres sigue a xogar cos nenos na praza de Lugo. E malia as pretensións de converter o de San Agustín nun mercado delicatessen -Napoleón ataca de novo?-, os praceiros teiman en vender o peixe do Muro e a tenreira de Lugo, tan galegos eles, como tan francés o mercado que lles dá acubillo, onde, por veces, un pode ter a sensación de estar no interior dunha grande catedral gótica. Como a de Reims, por poñer un exemplo. E iso, por moito que se poñan algúns, non hai supermercado que o iguale.

Referencias:


  • AGRASAR, Fernando: Antonio Tenreiro | 1893-1972 | Obra arquitectónica. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2007.
  • [recurso online] Carlos III de España - Wikipedia, la enciclopedia libre. Recuperado de https://es.wikipedia.org/wiki/Carlos_III_de_Espa%C3%B1a [Consultado o 01/08/2017].
  • VIGO TRASANCOS, Alfredo: A Coruña y el Siglo de las Luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808). USC-UDC. Santiago de Compostela, 2007

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A cidade de auga doce

A capela agochada