Non me toques os soportais

(Publicado orixinalmente en Vivir na Coruña, o 30 de marzo de 2014)
Soportais da Mariña: os únicos tolerados polas normas do 1791 (foto FirkinCat, Wikimedia Commons)

Xa sei que o sabedes. Que o de Waterworld é unha historia real baseada na Coruña. Que máis que coches híbridos o que necesitamos aquí son coches anfibios. Vamos, que na Coruña chove. Chove moito, e é case crueldade teimar máis nelo.
A cousa é que, cando un pasea por Compostela e se percorre media zona vella de soportal en soportal, chega á inevitable cuestión. Pero por que demo hai tan poucos soportais no centro da Coruña? Eran masocas os antigos coruños? Eran atlantes? Parece inexplicable, pero…
O certo é que aquí si houbo soportais. E moitos. Houbo soportais até aburrir. Mais, sexamos sinceiros: a Coruña do 1700 non era Compostela. Apenas era un poboachón portuario, cunha antiga torre esmorecida, un feixe de modestas igrexas -co permiso da de san Xurxo- e, iso si, unhas defensas espectaculares para o seu tamaño, aínda que pouco operativas xa para aquela época. A zona vella da Coruña era un conxunto un tanto caótico de pequenas casuchas, con soportais, voadizos, porches e demais trapallada, articulado por rúas estreitas e mal iluminadas. Cando menos, os soportais resgardaban da choiva. Aos problemas de circulación que isto ocasionaba, hai que sumar o que ocorría na noite con semellante urbanismo, e unha situación económica non precisamente envidiable, os soportais coruñeses convertíanse no que hoxe poderiamos chamar un ionkódromo: unha sorte de Bronx autóctono, refuxio perfecto de actividades delictivas e, como me lembra un inefable colega, motel ao aire libre para escarceos un tanto, digamos, “inmorais” 1.
Así que velaí que, cando a mediados do XVIII a Coruña comezou por fin a despegar como cidade, as autoridades quixeron poñerlle freo a este desafuero e puxéronse a dictar normas sobre como se debían construír os edificios. As estipulacións da Junta de Policía do 1791 prohibiron os soportais e incentivaron o derrubo dos que existían. Só se fixo, a regañadentes, unha excepción: a fronte portuaria, onde a imitación dos portos franceses decidiuse a construción dun paseo con soportais: os da Mariña (autorización que, xa no XIX, extendeuse tamén á nova praza de María Pita).
Soportais descubertos na antiga casa da Porta de Aires (fonte: Google Maps)
Desde aquel intre e até que o século XX revertiu a situación, as novas casas xa non tiveron porches, soportais, nin voadizos excesivos. Dos edificios que xa os tiñan, moitos foron derrubados, outros reformados e, nalgúns, simplemente se lles tapiaron. Destes últimos fica aínda algún exemplo que o coruñés espelido pode descubrir. Algúns teñen sido “destapados”, coma no antigo caserón da Porta de Aires, mais en Ferrerías aínda existe unha modesta casiña de pedra na que, se nos fixamos moito, veremos o fósil do antigo soportal…

Soportais aínda tapiados na rúa Ferrerías (foto: Eloy Vázquez)
Notas:
[1] Na acta da Junta de Policía do 6 de agosto de 1793 dise, a propósito de dous pasadizos na rúa Galera, que se convertían “en un lupanar público en el centro del Pueblo, en los quales de noche se pueden cometer y cometen muchas ofensas a ambas Magestades“. In Libro de Acuerdos de la Junta de Policia. 1791-1794. Archivo Histórico Municipal. A Coruña.
Referencias:
  • VIGO TRASANCOS, Alfredo: A Coruña y el Siglo de las Luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808) USC-UDC. Santiago de Compostela, 2007.
  • Celtiberia.net v3.0 – “Rebeldes e Ynobedientes”. Carta de Apartamiento de los judíos de Ourense (1487), 2006, http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=2359#r54753 [Consultado o 21/04/2014]

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A cidade de auga doce

La Corogne, mon amour

A capela agochada